Chegou a cita, hoxe xoves 24 de outubro celébrase a presentación oficial da marca territorio «Costa da Morte Terra Atlántica». Despois das accións informativas e de difusión nos meses pasados, que a levaron a ter na actualidade xa decenas de empresas adheridas, Terra Atlántica abrirá con este evento simbolicamente as súas portas ao mundo.
Todo está preparado no Faro Vilán, situado na costa do municipio de Camariñas, dende o mediodía contará coa participación de representantes do GDR Costa da Morte, entidade impulsora da marca, así como de institucións da zona e representantes das empresas que xa forman parte de Terra Atlántica, ás que se sumarán as que están en proceso de adhesión.
O evento está aberto ao público xeral, pero a organización prega confirmación de asistencia. Esta iniciativa para a creación dunha marca territorio busca consolidar e potenciar a identidade da zona, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. Terra Atlántica pretende distinguir, visibilizar econsolidar no mercado os produtos e servizos de empresas da Costa da Morte.
