Presentada a décimo novena edición da Volta Ciclista a Galicia

Arquivo.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da décimo novena edición da Volta Ciclista a Galicia que terá lugar do vindeiro 16 ao 19 de setembro. Asegurou que a reedición da proba ciclista galega é unha homenaxe “aos deportistas, aos clubs, ás federacións, ás institucións, a todos os que puxemos o noso grao de area para levar adiante o deporte galego en todas as súas formas e todas as súas vertentes durante a pandemia provocada pola Covid-19”. “Un traballo que hoxe representa a federación galega, que volve celebrar con ilusión e profesionalidade a súa gran competición e que tamén representa a Xunta, pendente de que se cumpran os protocolos, as medidas de seguridade e que aposta, como apostará sempre, polo deporte feito en Galicia, polo deporte galego que salva vidas”, enfatizou.

Respecto do inicio no concello de Ponteareas, lugar onde tivo lugar a presentación do evento, Lete Lasa sinalou a efeméride dos 35 anos que se cumpren da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta de 1986. Neste sentido tamén destacou a outros dous ciclistas ponteareáns de gran calado como Delio Rodríguez, que conta co récord de maior número de vitorias na ronda española (39) e mais Borja Gómez, quen “derribou un muro, ao ser o primeiro ciclista con síndrome de Down en disputar un Campionato de España, neste caso o de ciclocross en 2018”.