- Un total de 20 persoas participarán neste programa centrado na atención sociosanitaria e a pintura industrial en construción
O Obradoiro de Emprego A Laracha VII foi presentado este venres na Casa da Cultura nun acto copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado; asistindo tamén unha ampla representación do grupo de goberno local, persoal do programa e os vinte alumnos-traballadores da formación.
O obradoiro terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades: a de pintura industrial en construción –que centrará as intervencións en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Os participantes obterán unha remuneración económica e un certificado de profesionalidade.
O alcalde calificou este programa de formación e emprego como «unha oportunidade extraordinaria» e animou ao alumnado a aproveitala «porque hai saída laboral». Ademais, desde o Concello aseguraron que se van a «poñer todos os medios necesarios» para que a iniciativa funcione ben co «desexo de que os participantes poidades alcanzar a inserción laboral».
Tanto o goberno local como a directora de Formación e Colocación agradeceron a «esencial» colaboración entre as administracións públicas. Ademais, Zeltia Lado apuntou que este é o ano con maior orzamento da Xunta de Galicia para este tipo de programas, con 34 millóns de euros entre os 94 obradoiros de emprego que se levarán a cabo en toda a comunidade e no que se formarán dúas mil persoas. No caso do da Laracha, o orzamento total alcanza os 345.000 euros.