O Concello de Vimianzo presentou na mañá deste sábado a súa XV edición do Dúatlon de Reis, que se celebrará o 14 de xaneiro de 2024. Acudiron ao acto a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones; o delegado provincial da Federación de Tríatlon da Coruña, Gustavo Álvarez Nogueira e varios representantes do Club de Tríatlon Costa da Morte.
Protagonizan os carteis a gañadora e gañador do ano pasado: Mar Delgado e Manuel Piñeiro. A proba será puntuable para o Campionato Galego e o percorrido estándar terá dispoñibles 120 prazas. Os relevos, 100 prazas (50 parellas) e a proba popular, 150 prazas. As inscricións poden formalizarse en www.fegatri.org.
Por primeira vez, será Campionato Galego na distancia súper sprint, que comprende 2,7 quilómetros en carreira, 11,5 quilómetros en bicicleta e 1,8 novamente en carreira para as categorías cadete, xuvenil e júnior. Celebrarase na parroquia de Salto, en Castromil.
O concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, celebra unha “décimo quinta edición dunha proba que vai camiño de converterse, se non o é xa, un referente na Costa da Morte e Galicia e estamos seguras e seguros de que haberá cheo total á hora de inscribirse”, matizou.
.
