O antigo apeadoiro de Gorgullos en Tordoia acolleu este mércores a presentación da segunda edición da Carreira Camiño da Vía Verde, que se celebrará o domingo 28 de setembro con diversas probas deportivas.
No acto participaron o deputado delegado da Vía Verde e responsable de Deportes, Antonio Leira; a secretaria xeral da Federación Galega de Atletismo, Yolanda González; o alcalde de Ordes, Juan Luís Martínez; o alcalde de Oroso, Álex Doval; a concelleira de Deportes de Tordoia, María García; e a concelleira de Cultura, Educación e Turismo de Cerceda, Cristina Capelán.
As persoas interesadas en anotarse poderán facelo ata o 24 de setembro ás 23:59 horas na páxina web Carreiras Galegas (https://www.carreirasgalegas.com/events/ii-carreira-camios-da-va-verde-deputacin-da-corua/yz9zwJjq). A participación é gratuíta e existen diversas categorías en función da idade.
A carreira de 11,5 km partirá da antiga estación da Pontraga, no Concello de Ordes, ás 10:30 horas e terá como meta a estación de Queixas-Londoño, en Cerceda. A andaina, con saída ás 09:45 horas desde o apeadoiro de Gorgullos en Tordoia, tamén rematará na estación de Queixas-Londoño. Na andaina poderán participar todas as persoas nadas no ano 2017 e anteriores. As categorías escolares (2 km, 1 km e 400 m) celebraranse a partir das 12:00 horas na estación de Queixas-Londoño en Cerceda.
Tanto a carreira como a andaina disporán de servizo de traslado en autobús desde a meta, gardarroupa na zona de meta e duchas e vestiarios no polideportivo municipal Fernando González Laxe, en Cerceda, a partir das 11:00 horas.