As catro forzas políticas da oposición en Galicia, PSdeG, Galicia en Común- Anova Mareas, BNG e Grupo Mixto, presentaron unha queixa formal ao considerar que desde a Presidencia do Parlamento, do PPdeG, se «está a vulnerar o regulamento da cámara e coartando os dereitos dos grupos», que teñen como obriga o control do Executivo e a presentación de medidas de impulso.
Nun escrito dirixido á Presidencia da cámara, os grupos denuncian que a pesar de que, desde o inicio do estado de alarma e de alerta sanitaria, se solicitou en varias ocasións a comparecencia do presidente da Xunta, esta petición aínda non se debateu pola Mesa da Deputación Permanente, como establece o regulamento.
Dende a oposición entenden que o PPdeG «está a utilizar a súa maioría para atar os grupos e para ter a Cámara a medio gas, cando debería estar a traballar a pleno rendemento para axudar a saír da crise».