Presentadas 126 ofertas á licitación das obras da Vía Verde Santiago-Cerceda

1 minutes read

Os tres tramos que saíron a licitación son os de Oroso, ao que se presentaron 42 ofertas, Ordes 43 ofertas e Tordoia-Cerceda 41 ofertas. En total, 126 ofertas licitan polas obras, que suman un investimento superior aos 1,9 millóns de euros para converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici que terá unha importante repercusión turística e socioeconómica para os concellos polos que discorre.

A Vía Verde enmárcase na aposta da Deputación da Coruña por fomentar unha mobilidade sostible na provincia. Contará cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Dotarase ao itinerario de drenaxes e outras obras complementarias coma a construción de muros e noiros, instalación de barandas en pontes e viadutos, iluminación de túneles activada por presencia ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.

O proxecto inclúe tamén a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores coma eco-contadores e cargadores de bicicletas eléctricas.