Un total de 224 propostas foron presentadas nas dúas fases de consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Así, na segunda consulta lanzada o pasado 18 de marzo, un total de 30 entidades -23 empresas privadas e 7 centros tecnolóxicos, de investigación ou universidades- presentaron ata 56 propostas de solución que permitirán mellorar e completar os cinco retos deseñados en base ás 168 iniciativas recibidas entre novembro e decembro de 2021, a cargo de 124 pemes e 44 corporacións.
Do máis de medio cento de proposicións detalladas, 15 están destinadas ao desenvolvemento dunha plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local, 12 refírense a outra plataforma para a trazabilidade e valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo, 13 á innovación en sistemas de axuda á decisión para actividades agrarias nas aldeas modelo, 11 ao deseño dun sistema enerxético integral para as aldeas e, por último, 5 están relacionadas coa edificación e urbanización sustentable.
A iniciativa “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é un proxecto de compra pública de innovación promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.
O proxecto persegue obter solucións innovadoras que permitan impulsar a recuperación dos núcleos rurais co fin de conseguir un territorio rural intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencie os grandes valores das áreas rurais e proporcione aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial, contribuíndo así a grandes retos como a seguridade alimentaria, o declive demográfico ou o cambio climático.
Coa información recompilada nestas consultas, a Consellería do Medio Rural espera deseñar e lanzar, nos próximos meses, as licitacións de compra pública de innovación que permitan desenvolver os proxectos que dean resposta aos retos presentados.