Presentadas 7 ofertas para executar as obras do novo centro de saúde de Abegondo

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras do novo centro de saúde de Abegondo, que suporán un investimento de 2.843.082 euros.

A través deste contrato, a Axencia Galega de Infraestruturas executará este novo equipamento sanitario que permitirá renovar o centro de saúde de Abegondo, que ten xa máis de 35 anos, favorecendo unha atención máis integral a preto de 5.000 pacientes.

A previsión da Xunta é adxudicar as obras a finais do primeiro trimestre de 2024 para a posta en servizo do novo centro de saúde a mediados do 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses, ao que seguirán as probas de funcionamento.

Mediante este contrato o adxudicatario executará, nunha parcela de 1.415 m2 de superficie no centro urbano do municipio coruñés, o novo centro de saúde de Abegondo. A superficie total construída do novo edificio será de 1.221 m2, con 965 mútiles. Estarán distribuídos en planta soto, con 70m2 construídos; unha planta baixa de 956,60 m2; e planta primeira de 194,90 m2.

No seu deseño, optouse por situar na planta baixa o máximo número de dependencias e levar á planta primeira as de uso privado ou restrinxido. Así, na planta baixa, emprazaranse todos os servizos de acceso público, na planta primeira a zona de persoal e na cuberta as instalacións necesarias.

A configuración do edificio seguirá un esquema en H. Deste xeito, o acceso ao novo edificio será centrado e cuberto e con acceso rodado para ambulancias. Tras o acceso sitúase á área administrativa e de recepción, con dúas bandas extremas de consultas e unha zona cos servizos auxiliares. Ademais, ao sur oeste emprazarase a área de pediatría con dúas consultas, baño e sala de espera e ao sur este situarase a sala para a toma de mostras.

A zona central prolóngase na primeira planta coa área de persoal e na cuberta coas instalacións.