A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 8 ofertas de empresas para executar as obras do novo centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo, e que terán un investimento autonómico de máis de 14,8 millóns de euros.
Das 8 ofertas presentadas para executar estas obras 4 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 13 empresas.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de 18 meses, consistirán na execución do novo centro de saúde, que ocupará o espazo do actual edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín. O novo centro integral de saúde situarase nas proximidades da praza de América, entre os barrios das Travesas e Coia.
O investimento previsto subiu case un 16% desde o orzamento inicial de 12,8 M€. Este aumento é resultado da actualización do proxecto aos prezos de mercado tras os últimos incrementos de custos rexistrados nos materiais necesarios para a execución desta obra, logo dun primeiro concurso que foi declarado deserto.
O obxectivo é iniciar as obras no primeiro trimestre de 2023, cando conclúa o traslado dos servizos e do persoal da Audiencia Provincial á Cidade da Xustiza de Vigo.
Remodelarase a distribución interior do edificio, xa que está adaptada ao uso xudicial. As súas fachadas tamén serán renovadas, porque non se adaptan ás necesidades de iluminación natural requiridas para crear espazos sanitarios de calidade.
As instalacións, con 7.619 m² construídos, albergarán servizo de urxencias, unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 de pediatría, 8 de enfermaría pediátrica, 2 de odontoloxía e áreas da muller, de rehabilitación, de telemedicina, de administración e a base do 061.
Trátase dun edificio funcional e acolledor, cunha envolvente que garante a posibilidade de que a maioría dos postos de traballo e estancia de pacientes dispoñan de luz natural e contacto co exterior.
A fachada do edificio compoñerase dunha ‘dobre pel’, composta por un muro cortina de vidro, combinado con fachada ventilada de aluminio e a 80 cm deste cerramento no seu exterior, disporase unha celosía composta por listóns de madeira de piñeiro termotratada.