Presentadas 84 solicitudes para a apertura de novas casas do maior


A Xunta recibiu 84 solicitudes para a apertura de novas casas do maior, pequenos centros de día no rural totalmente gratuítos para os usuarios que permiten atender a un máximo de cinco persoas maiores, servizos de conciliación que se cuadriplicarán durante este ano.

A convocatoria de 2021 permitirá a apertura de 63 novos centros en toda Galicia, que se sumarán aos 20 xa existentes. O prazo de solicitude para poñer en marcha este servizo en 2021 finalizou o pasado venres 30 de abril, e en total recibíronse 84 peticións: 28 pertencen a concellos da provincia de Ourense, 23 da Coruña, 18 de Pontevedra e 15 de Lugo.

Entre as novidades desta nova convocatoria, está que as persoas usuarias non precisen ter un grao de dependencia recoñecido, senón que tamén estea aberto a persoas autónomas. En segundo lugar, elimínase o requisito de que estes centros se poidan situar unicamente en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así, os que se abran este ano poderán estar en municipios sen ningún tipo de atención diúrna, aínda que se dará prioridade aos máis pequenos.