- Este proxecto forma parte da Campaña de Verán da Xunta da Galicia
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou este mércores o campo de voluntariado “Castro de Montesclaros”, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Esta actividade, centrada en obradoiros medioambientais, sendeirismo e distintas excursións turísticas de interese, tamén inclúe iniciativas como xogos deportivos ou a elaboración de debuxos arqueolóxicos.
Este campo de voluntariado, que se desenvolverá no concello da Laracha, forma parte das 13 novas propostas que se engaden este ano como novidade á Campaña de Verán, que ofrece máis de 7.800 prazas. Todos os campos de voluntariado contarán coa participación de 12 persoas para axudar a cumprir as medidas de prevención fronte á covid-19.
Os participantes no Castro de Montesclaros levarán a cabo labores de limpeza no castro, que irán dende a delimitación do terreo ata a súa limpeza total coa poda das frondosas existentes e a eliminación da cuberta vexetal. Ademais, traballarase na protección da biodiversidade, animal e vexetal da zona.
Campos de voluntariado
En Galicia, o prazo de inscrición para estes campos de voluntariado estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco opcións. As prazas serán adxudicadas por orde de recepción.