Numeroso público acudiu ao Parador Costa da Morte, en Muxía, para asistir á presentación do libro «Historia de Muxía e Moraime. Apuntamentos», unha obra dos investigadores José Enrique Benlloch del Río e Kike Benlloch Castiñeira que representa a culminación de décadas de estudo e investigación sobre o pasado de Muxía, Moraime e as terras de Nemancos.
Os autores estiveron acompañados no acto de presentación por Javier Sar, alcalde de Muxía; Julio Castro, director do Parador; e Mercé Barrientos, como representante da asociacion Xervasio Paz Lestón. Entre o público houbo unha nutrida asistencia tanto do pobo de Muxía como da parroquia de Moraime, e esgotáronse os exemplares do libro. Acudiron tamén os ex-alcaldes de Muxía Bautista Pose e Jesús María Barrientos, ademais do deputado Oscar Insua e a candidata do BNG ao Congreso pola Coruña, Ana Pasantes.
A obra presentada destaca polo seu rigor histórico e polo emprego de fontes documentais primarias, como pergamiños, tombos, legaxos, rolos e documentación notarial e xurisdicional, procedentes de arquivos de Galicia, do resto de España, do estranxeiro e ate do Vaticano. Este exhaustivo traballo permite reconstruír aspectos fundamentais da historia local, desde a organización territorial e as relacións sociais e económicas ata os conflitos xurisdicionais e administrativos que marcaron a evolución de Muxía e da súa contorna.
José Enrique Benlloch, nacido en Muxía, leva décadas dedicado á investigación histórica, cunha ampla produción científica e divulgativa sobre a comarca. O seu fillo, Kike Benlloch, enxeñeiro informático e investigador, achega a súa experiencia no tratamento da información, na cartografía e na análise documental. A colaboración entre ambos constitúe un exemplo de transmisión interxeracional do coñecemento e de aplicación das novas tecnoloxías á investigación histórica.
Un proxecto editorial comprometido coa cultura e coa memoria local
A edición do libro foi posible grazas á colaboración entre a Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, a Asociación Cultural Xervasio Paz Lestón e o Parador Costa da Morte, baixo a dirección de Julio Castro Marcote. O apoio destas entidades resultou fundamental para que este inxente traballo de investigación puidese materializarse nunha publicación ao alcance da cidadanía.
