O Concello de Camariñas vén de presentar oficialmente o cartel da que será a terceira edición de Ponte Friki, o grande evento de cultura e lecer alternativo que regresará á Ponte do Porto os vindeiros días 6 e 7 de marzo de 2027.
O acto de presentación contou coa participación da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e da concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, que puideron descubrir a nova imaxe xunto á organización do evento, destacando o empuxe e a ilusión con que se afronta esta nova entrega tras o rotundo éxito dos anos anteriores.
Como vén sendo habitual, e co firme propósito de apoiar e dar visibilidade ao traballo de novos creadores, a imaxe desta terceira edición elixiuse a través dun concurso. A convocatoria deste ano foi un auténtico éxito, recibindo máis de 35 propostas participantes (superando as 20 da edición anterior). Finalmente, o cartel gañador que porá rostro a Ponte Friki 2027 é obra do artista Javier Villa Blanco.
“Lo primero que pensé al empezar a explorar ideas fue mantener el puente de Camariñas como eje de la ilustración, y poder navegar por sus arcos. Quería hacerlo de una forma menos previsible, aprovechando cada arco del puente para integrar personajes y elementos del mundo de los videojuegos, los cómics y el cine que, en mayor o menor medida, nos han acompañado a través de innumerables historias”, explica o artista.
Consolidación e melloras no recinto
Aínda que faltan algúns meses para a data sinalada, a organización quixo recalcar que continúan a traballar no proxecto «con máis ganas que nunca». A pasada edición marcou un fito ao congregar a máis de 2.500 persoas, o que demostra o enorme interese que esperta este mundo na comarca.
Para dar cabida a esta gran afluencia de público, o evento manterá a ampliación de aforo estreada o ano pasado. Deste xeito, o pavillón polideportivo da Ponte do Porto volverá contar con dúas carpas anexas, pero con importantes novidades: este ano engadirase un maior grao de confort nestas instalacións para mellorar a experiencia de todos os asistentes.
Con estas melloras e unha programación que promete unha fin de semana repleta de cultura, diversión e talento, Ponte Friki aséntase definitivamente como o evento ‘friki’ de referencia en toda a Costa da Morte, atraendo a Camariñas a un público fiel e cada vez máis numeroso.
