Presentado o Plan hidrolóxico de Galicia costa 2021-2027

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 como unha folla de ruta con rango de lei para lograr que o 100 % das masas de auga da conca acaden o bo estado.

A conselleira aproveitou a súa comparecencia para alertar da necesidade de concienciar sobre o consumo responsable da auga ante unha situación de “seca prolongada” pola falta de chuvias e para evitar problemas nos meses de verán.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, lembrou que o Plan Hidrolóxico-Galicia Costa 2021-2027 ten moi en conta  a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático, tanto a situacións de seca como a episodios de inundacións.

A súa tramitación autonómica culminou co visto e prace do Consello da Xunta, de forma que Galicia se converte en pioneira, xunto con Baleares, ao aprobar o seu plan de conca, sendo, ademais, a primeira Comunidade Autónoma en facelo con avaliación ambiental estratéxica.

Agora o plan será remitido ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para que, logo do informe preceptivo do Consello Nacional da Auga, sexa ratificado polo Consello de Ministros mediante Real Decreto, para a súa entrada en vigor. 

Este instrumento para os vindeiros 6 anos permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

A conselleira salientou a súa importancia para o conxunto da sociedade, xa que o plan abrangue unha superficie de 16.294 km², case 13.000 km² continentais, que supoñen o 44% do territorio galego, no que residen máis de 2 millóns de habitantes, é dicir, 3 cuartas partes da poboación de Galicia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha