Presentado o proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, presentaron este venres o proxecto, que se someterá o luns a información pública a efectos de tramitar a súa avaliación ambiental estratéxica. Unha vez culminado ese paso, previsiblemente en outono, someterase novamente a información pública o proxecto e recabaranse os informes sectoriais das diferentes administracións.

A conselleira adiantou que este mesmo ano se aprobará o proxecto e o Decreto de Utilidade Pública dos accesos e nos primeiros meses de 2023, o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos.

O obxectivo é acadar un hospital para blindar a mellor asistencia a medio millón de usuarios, con 255.000 metros cadrados construídos e máis de 1.500 camas. O complexo, configurado como unha serie de bloques escalonados de entre 12 e 14 andares, concentrará nun único espazo os servizos do CHUAC, o Oncolóxico, o Materno-Infantil, as especialidades do Ventorrillo e varias do Abente y Lago. A conselleira indicou que o obxectivo é dotar o Novo CHUAC dos máis altos estándares de calidade sanitaria e tamén ambientais.