A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 4 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros. A Xunta cofinanciará a actuación nun 80%, comprometéndose as entidades locais a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais.
A través deste contrato executaranse as obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.
As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.