Preto de 130 nadadores participarán na ‘Tripla coroa Illas Atlánticas’

1 minutes read

Galicia acollerá o vindeiro 4 de setembro a terceira proba da competición internacional Tripla Coroa Illas Atlánticas. O acto de presentación do evento tivo lugar este sábado en Vigo. Trátase dunha das probas de natación máis duras e longas de Europa. De feito, os case 130 participantes procedentes de toda España e de países como México, Arxentina ou Portugal terán que cubrir un treito de augas abertas de 23 km entre a illa de Ons e a localidade pontevedresa de Combarro.

O programa desenvolverase no arquipélago de Ons, onde se fará unha ruta guiada para que os acompañantes dos deportistas poidan coñecer a fondo a contorna e tamén se organizará unha batida de limpeza na mesma praia que acollerá a saída da proba. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen a illa.

Cómpre lembrar que esta será a terceira proba que se disputa no marco da segunda edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas. As dúas anteriores celebráronse en 2018, coa travesía a nado de 15 km entre Cíes e Baiona, e en 2019, un ano no que os participantes tiveron que cubrir os 19 km que hai entre Sálvora e O Grove.

A pandemia obrigou a suspender en 2020 a que sería a terceira e última proba desta competición, que finalmente terá lugar o vindeiro 4 de setembro coas máximas garantías de seguridade e cumprindo cos correspondentes protocolos sanitarios.