Preto de 700 persoas danse cita no Gaiás para celebrar o ‘I encontro 21 días co galego e+’


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no primeiro encontro que reuniu unha ampla representación do alumnado e do profesorado participante na V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego E+, promovido pola Xunta co obxectivo de estimular o uso oral da lingua galega entre a xente nova tanto dentro como fóra dos centros de ensino.

O representante da Xunta, que estivo acompañado da profesora Pilar Ponte, coordinadora xeral do programa, agradeceulles que axudasen “a facer medrar esta iniciativa que nos mostra que podemos usar o galego todos os días e para calquera cousa que fagamos” e expresou o seu desexo de que “a experiencia fose positiva” e o uso da lingua propia de Galicia medre.

En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Edificio Fontán do Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc.

Animados polos xonalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows ao longo da tarde: de freestyle football, de beatbox e de breaking.