Este martes arrinca no Centro Sociocultural de Baio a 8ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, dirixido a persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte. Zas foi o primeiro concello da comarca en contar con este programa, que ata ese momento só se impartía nas cidades da Coruña e Ferrol. Nesta nova edición, preto de 80 participantes toman parte nesta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición deste programa de formación universitaria específico, que conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e do Concello de Zas.
As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio (Zas) e contan cun total de 79 persoas inscritas, procedentes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Vimianzo e Zas. O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
Ao acto de inauguración asistirán a directora, Matilde García Sánchez, a adxunta á dirección da Universidade Sénior da UDC, Susana Iglesias Antelo, e o alcalde de Zas e presidente do GDR “Costa da Morte”, Manuel Muíño Espasandín.
MÓDULO I. HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
• 10 de febreiro: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña
• 11 de febreiro: “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do prof. Fernando Agrasar Quiroga
• 24 de febreiro: “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e o prof. J. Antonio Ramos Vázquez
MÓDULO II. CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
• 3 de marzo: “A revolución dixital na xestión da auga”, do prof. Antonio J. Díaz Longueira
• 4 de marzo: “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García
• 10 de marzo: “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía”, da profa. Lucía Paz Aldrey
MÓDULO III. CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
• 17 de marzo: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández
• 18 de marzo: “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández
• 24 de marzo: “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos das comarcas da Costa da Morte, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2018.