Previstas melloras na seguridade viaria na DP-1405, en Cabana e Ponteceso

1 minutes read

A Deputación da Coruña aprobou no pleno deste venres un investimento que permitirá construír unha nova ponte sobre o río Anllóns na plataforma que conecta Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Con este proxecto, a Deputación busca mellorar a seguridade en zonas que contan cun importante tránsito peonil e rodado debido á súa proximidade a núcleos de poboación. Á súa vez, mellorará o trazado de estradas que presentan actualmente puntos estreitos que dificultan a correcta convivencia entre vehículos e peóns.

A obra en concreto servirá para dotar á estrada DP-1405 de Pazos a Leas por Beres (que conecta Ponteceso e Cabana de Bergantiños) dunha nova ponte sobre o río Anllóns. As actuacións consisten no derrubamento da estrutura existente para a posterior creación dunha nova que aumente a súa amplitude dos catro ata os sete metros. A estrada contará con beiravías e beirarrúas, co fin de ofrecer un itinerario seguro tanto para os vehículos como as persoas que vaian a pé. Os accesos á ponte contarán cun ancho de 12 metros.