O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial á alcaldesa de Fisterra, Aúrea Domínguez, e ao deputado provincial Ángel Gacía Seoane.
Nesta primeira reunión de traballo, a rexedora fisterrá solicitou o apoio técnico e financiero da Deputación para o proxecto do seu goberno de construír unha senda duns 3,3 quilómetros de lonxitude que discorerría á beira dunha estrada de titularidade municipal paralela ao litoral da praia do Rostro. O proxecto inclúe tamén a renovación do firme do vial existente e supón un elevado investimento de 1 millóns de euros.
Formoso considerou que o proxecto desta senda litoral proposta polo goberno municipal de Fisterra podería ter encaixe nas convocatorias de fondos europeos destinadas a entidades locais para impulsar a economía baixa en carbono e a mobilidade sostible, polo que ofreceu a colaboración e experiencia da Oficina Next Deputación para buscar o posible encaixe do proxecto nestes plans de financiamento europeo. Un labor que xa se está a desenvolver para outros proxectos municipais na provincia.
A Oficina Next Deputación, ubicada no pequeno concello rural da Capela, é o primeiro centro de Galicia especializado na captación e xestión de fondos europeos para os concellos. Desde alí, un equipo cualificado de profesionais asesora e apoia aos concellos na redacción, xestión e tramitación das convocatorias e proxectos suscepctibles de acceder a fondos Next Generation UE.
A oficina Next Deputación permite que os pequenos municipios que non dispoñan da capacidade técnica para redactar, preparar e presentar os proxectos que podan optar a financiamento europeo, poidan facelo co apoio técnico da Deputación.