Primeiras visitas dos escolares vimianceses ao Castro das Barreiras

1 minutes read
  • O responsable da sétima campaña de escavacións, o arqueólogo Tito Concheiro, recibiu á rapazada das unitarias e do CEIP San Vicenzo

Rapazada das escolas infantís de Carnés, Carantoña e Castromil, así como alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo visitaron este martes o Castro das Barreiras de Vimianzo. En total foron 87 os escolares que se achegaron ata o xacemento arqueolóxico aínda que se prevé a visita de máis de 200 durante o que queda de mes, segundo indican desde o Concello.

Os estudantes tiveron a oportunidade de reunirse co arqueólogo responsable da sétima campaña de escavación, Tito Concheiro, quen foi o encargado de descubrirlles os máis recónditos segredos das Barreiras. Tamén os acompañaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a técnico de Cultura, Nieves Lema.

Desde o goberno local salientan «a relevancia de que as novas xeracións conecten cun dos bens patrimoniais máis ricos do noso municipio» ensalzando o valor que ten «que unha persoa e profesional como Tito Concheiro lles achegue os seus coñecementos».