O Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión decretou este venres prisión provisional, comunicada e sen fianza para o único detido polo momento na operación contra o narcotráfico de Camariñas, onde se localizaron 1.300 quilos de cocaína a bordo do pesqueiro Nuevo Furuno. Trátase dun mozo natural de Boiro de entre 30 e 40 anos, ao que se lle imputa un delito de tráfico de drogas a grande escala. O propietario do barco, tamén de Boiro, está en paradoiro descoñecido. Ademais deles dous, podería haber máis persoas relacionadas co transporte da droga. Sospeitan que a cocaína viña noutro barco e que se trasvasou ao Nuevo Furuno no corredor de Fisterra. O barco fora vendido hai catro meses e desde entón non tiña actividade pesqueira coñecida. Os axentes do Greco, da Udyco e os de Vixilancia Aduaneira abordárono cando chegaba ao porto de Santa Mariña, en Camariñas.
0