A Xunta de Galicia ten programado para este mes de xullo máis de 40 eventos musicais no marco da programación musical do Xacobeo, tal e como recolle a web wwww.concertosdoxacobeo.gal
Tras os directos de Guadi Galego e De Vacas (Sarria), Rufus Wainwright (Vigo), Xoel López e Pablo Lesuit (Verín), Fat Freddy’s Drop (Vigo), Víctor Manuel (Castrelo de Miño), Agnes Obel (Vigo), o Atlantic Pride na Coruña e Los 40 Classic Locos con Galicia con Seguridad Social e La Banda en Verín no marco dos concertos de La Región que xa tiveron lugar os pasados días, seguen os concertos e festivais ao longo do mes por toda Galicia.
A semana que vén abrirase cun dos pratos fortes deste Xacobeo xa que o luns 11 o Monte do Gozo acollerá o concerto de Imagine Dragons no marco da súa xira mundial Mercury. A guitarra tamén será protagonista no peche da semana, co concerto de Steve Vai no Ciclo Xacobeo Vigo o domingo 17. Durante o transcurso da mesma suceredanse as citas con algunhas das bandas da escena estatal como Taburete (xoves 14 en Porriño) ou Los Secretos (venres 15 en Monforte, que repiten o 16 no Pasatempo de Betanzos); pero tamén de artistas galegos como Iván Ferreiro (xoves 14 no Pasatempo de Betanzos), La Banda (venres 15 en Ourense) ou Roi Casal (sábado 16 en Cangas).
A actividade concentrarase durante a fin de semana con outros tres festivais alén do Pasatempo en Betanzos -que conta con Cantajuegos o venres 15-. Entre elas destaca a celebración do Atlantic Fest en Vilagarcía. Do 15 ao 17 de xullo, artistas como Izal, Andrés Calamaro, Fangoria, Nancys Rubias, La Casa Azul, Los Planetas, Quique González, María Arnal i Marcel Bagés, Shinova ou Los Huermanos Cubero, entre outros, actuarán na praia da Concha.
Tamén terá lugar a segunda edición do Morriña Fest na Coruña os días 15 e 16, con Maluma, Black Eyed Peas, Ozuna, Franz Ferdinand, Crystal Fighters, Xoel López, Lola Índigo ou Viva Suecia, entre outras bandas, no estadio de Riazor. A novidosa Gala Xacobeas en Concerto de Marín (15 de xullo), cun cartel íntegramente conformado por mulleres e que conta coa ex Spice Girl Mel C como cabeza do mesmo, acompañada por Ana Mena, Edurne, La Mala Rodríguez e Tanxugueiras, entre outras.
Segunda quincena de xullo
Na segunda quincena do mes de xullo a provincia de Ourense acollerá parte da actividade musical dos Concertos do Xacobeo. A primeira cita será o Silfest en O Barco (21 ao 23 de xullo con León Benavente, Corizonas, Sex Museum, De Vacas ou Eme DJ, entre outras artistas) para continuar co ciclo Los conciertos de La Región, que contará con La Banda (venres 22 en Castrelo de Miño e venres 29 en O Barco) e programará en Ourense os directos de Other Side (sábado 24), Habitación Vudú (luns 25) e Vargas Blues Band (mércores 27).
Pola súa banda, a cidade da Coruña acollerá o concerto de Rosalía no Coliseum da Coruña (29 de xullo), e a actuación de Simple Minds (27 de xullo) dentro do ciclo Xacobeo Importa e o festival de música urbana Neox Music Day (30 de xullo), con referencias do estilo como Bad Gyal, Hijos de la Ruina, Bizarrap ou Rels B. A localidade veciña de Arteixo será o escenario no que actúe Trueno (venres 22); mentres que Bonnie Tyler fará o propio no Ferrol Verán Fest (venres 22). Por último, Roi Casal actuará no Día do Apóstolo en Padrón, e Jacob Collier visitará Santiago de Compostela o mércores 27.
Finalmente, nesta segunda quincena de xullo, a provincia de Pontevedra será testemuña das actuacións do músico e compositor Yann Tiersen (no marco do Ciclo Xacobeo Vigo o venres 22), Dani Fernández (22 de xullo en Soutomaior), M Clan (27 de xullo en Redondela) e Roi Casal (30 de agosto en Cangas).