Promoción do Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía na feira de turismo de Londres

1 minutes read

Unha delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo deputado Antonio Leira, desprazouse á feira de turismo World Travel Market que se celebrou ata este mércores en Londres. A finalidade e obxectivo principal da viaxe era a de facer promoción e difundir os valores do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía.

Os representantes mantiveron distintas reunións con touroperadores especializados na comercialización dos Camiños de Santiago e que actualmente xa están traballando no territorio. Nestas xuntanzas púxose de relevancia o alcance das accións levadas a cabo nos últimos anos, ademais de avaliar o posible impacto da paquetización dos produtos turísticos do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.

Quedou claro o interese dos diferentes organizadores de viaxe (touroperadores) por traballar no territorio e a comercialización dos Camiños. Ademais de comprobar que cada vez hai máis touroperadores interesados, tanto en España como en Inglaterra na creación e comercialización dos paquetes turísticos enfocados aos Camiños. Aproveitouse a ocasión para abrir novas vías de traballo e establecer contactos entre estes touroperadores e as Asociacións do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.