Esta pasada semana houbo unha reunión do xurado nacional que concede estes distintivos, onde se deu a coñecer a listaxe de praias de cada comunidade autónoma candidatas na presente edición. Galicia propuxo un total de 115 areais para optar á Bandeira Azul 2022. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou nesta reunión onde destacou que espera que o esforzo realizado por 33 concellos —14 da provincia da Coruña, 8 de Lugo e 11 de Pontevedra— se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das candidaturas, sobre todo porque as administracións locais dedican importantes recursos para que os seus areais gocen de boa calidade das augas —que ten que ser excelente—, seguridade, servizos, e accesibilidade; así como para unha atinada xestión ambiental. O fallo do xurado, que valorará que os areais sexan lugares seguros e accesibles para todas as persoas, darase a coñecer a mediados do mes de maio, tal e como lles trasladou o presidente da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), José Palacios.
34