Protección Civil de Carballo segue ‘facendo historia’ coa presentación da súa primeira revista


A edición impresa de ‘Ao teu carón’, que así se chama esta primeira publicación da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil do Concello de Carballo, consta de 35 páxinas a toda cor, baixo o epígrafe de ‘Facemos Historia‘. Aquí ten cabida un amplo repaso pola historia da Agrupación, dende os seus inicios, o seu día a día e ata os tempos que nos toca vivir. Máis dunha ducia de artigos nos que membros veteranos da propia Agrupación expoñen as súas vivencias do que definen coma ‘unha gran paixón’ constituída o 9 de abril de 1992, en base o ‘Corpo de Bombeiros Voluntarios’ co que ‘Juan das augas’, ‘Juan do Milán’, ‘Chicho do Zorro’ ou ‘Ricardo Vilas’, entre outros, deran o primeiro paso pola creación dun servizo altruista de atención ás emerxencias.

Ao acto de presentación de ‘Ao teu carón’, celebrado no mediodía deste sábado na propia base da Agrupación, acudiron numerosos voluntarios e representantes de diferentes agrupacións da provincia, e incluso de Asturias. Alcalde de Malpica, Laxe ou Coristanco tamén estiveron presentes neste acontecemento que presentou José Luís Barca Añón, (Luitino), presidente da A.V. Protección Civil de Carballo e tamén xerente do Consorcio provincial de incendios. Nun acto sinxelo, corto, pero moi emotivo, Luitino lembrouse de todos/as os/as voluntarios/as, cun ‘agradecemento especial ás súas familias’, ao ‘coordinador e aos articulistas da publicación O teu carón’, un eslogan ‘que naceu na conmemoración do 25 aniversario’, e co que agora se pretende ‘transmitir a súa labor e concienciar á colaboración’. A Agrupación carballesa está a punto de cumplir 36 anos, á espera de celebrar o 40 aniversario por todo o alto, Luitino, concluíu cunha mensaxe aos voluntarios presentes, ‘grazas polo voso tempo e por ser como sodes’.

A ese agradecemento tamén se sumou Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade, Seguridade, Feiras e Mercados. Polos servizos que prestan en axudar á cidadanía.

Pechou o acto o alcalde, Evencio Ferrero, fíxoo cunhas ‘verbas de cariño’ ao movemento asociativo da vila, cada quen na súa especialidade, pero en especial a Protección Civil, que ‘de xeito transversal’ está sempre’. ‘Parabéns de parte de todos/as os que aquí decidimos vivir. Protección Civil de Carballo é un exemplo de compromiso e solidariedade; Por 36 anos máis’, concluíu o alcalde.

Foto de familia dos asistentes á presentación da revista ‘Ao teu carón’.