Protección Civil de Ponteceso denuncia un boicot por parte do alcalde

3 minutes read
  • Sinalan que as actitudes do rexedor poderían comprometer a seguridade e os dereitos dos veciños

A xunta directiva da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ponteceso (AVPC) móstrase moi disconforme con varias das actitudes amosadas polo alcalde do municipio, Lois García Carballido, polo que poderían emprender accións legais no caso de considerar que se vulneran os seus dereitos e tamén os dos veciños de Ponteceso.

O presidente da agrupación, Modesto Parga, reclama que desde o grupo de voluntarios seguen agardando unha resposta por parte do rexedor en referencia á forma correcta de proceder no caso dunha emerxencia tendo en conta a situación sanitaria actual, e ao vehículo de emerxencias que se lles retirou coa «excusa de que era por razóns de plans de aforro» e que se atoparía na base da AVPC, situada no polígono industrial de Tella. Sen embargo, Parga destaca que o vehículo en cuestión está nun domicilio particular, o que amosa «unha actitude pouco digna do alcalde».

Desde Protección Civil atópanse nunha situación complicada ao non poder realizar correctamente o seu traballo por este tipo de accións. Este luns, por exemplo, produciuse un atropelo no lugar de Cores e o presidente non puido acudir ao lugar ao non ter o vehículo adaptado. Se ben neste caso Parga solicitou axuda a outros dous membros de Protección Civil, un deles non colleu o teléfono e o outro non podía abandonar nese momento o seu lugar de traballo oficial, pois os membros de APCV son voluntarios. Unha situación que non se pode permitir, sobre todo se se trata dunha emerxencia.

Chamadas sen solución

A isto tamén lle hai que sumar a cantidade de chamadas que reciben da veciñanza para solicitar unha axuda que se lles denega desde o Concello ao facer caso omiso ás peticións. Parga destaca dous casos: unha señora de máis de 90 anos, positivo en Covid-19, á que non lle acercaron medicación nin alimentos desde o Consistorio; e un matrimonio, tamén afectado por coronavirus, que vive nun edificio e cuxos veciños, por medo a contaxiarse, solicitaron ao Concello axuda para retirar o lixo. A petición foi denegada alegando que ese problema era «cousa da comunidade».

Voluntarios para suplir traballos competentes do Concello

Parga destaca que «temos constancia de que o alcalde está a chamar a varios voluntarios para realizar uns operativos que nada teñen que ver coa grave situación actual na que nos atopamos», como obras de teatro cun aforo moi limitado. Desde a AVPC móstranse indignados polo trato que están a recibir desde a alcaldía, pois hai tarefas que son unicamente competencia da administración local, como a recollida de animais soltos ou abandonados.

Modificación dos teléfonos de emerxencia

Outra das actitudes que lle reprochan a Carballido é o intento de modificación dos números de contacto de emerxencias. Unha acción que lles comunicaron desde o propio 112.

A Xunta directiva da Agrupación de Protección Civil de Ponteceso foi elixida democraticamente, e por maioría absoluta, no ano 2019 e por 4 anos. Consideran que as actitudes que está tomando o rexedor da localidade atenden á motivacións persoais que nada teñen que ver co traballo da formación, e que poderían prexudicar os seus dereitos e os da veciñanza.

Por iso, dada a gravidade da situación «daremos traslado da mesma á Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior así como as autoridades que consideremos oportunas, reservándonos o noso dereito a emprender as accións xudiciais».