O virus séguese cebando cos nosos maiores | A conselleira delegada de DomusVi vacínase

1 minutes read

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, cualificou de “inadmisible e lamentable” que a conselleira delegada do imperio xeriátrico DomusVi tivera recibido a vacina do coronavirus. Arangüena anunciou, logo de coñecer a noticia, que o Grupo Socialista pediralle explicacións por este feito ao goberno galego no próximo Pleno do Parlamento.

O responsable socialista considera este feito un “insulto á cidadanía, aos traballadores e ás vítimas desta enfermidade”. Sinala que “en tempos de pandemia é máis necesaria que nunca a ética e a exemplaridade públicas”, e chama a “evitar calquera tipo de dúbida sobre favoritismos no proceso de vacinación nun momento tan grave”.

Arangüena explica que esta persoa “é a máis alta directiva do grupo xeriátrico, aparte de millonaria accionista, e polo tanto non é persoal asistencial que deba ter contacto con ningún dos residentes, e nin sequera cos traballadores e traballadoras das residencias”. Considera que a súa vacinación é “un sarcasmo”, en alusión “ao que ten sucedido nestas residencias que suman máis do 20 por cento dos falecidos por coronavirus en Galicia”.