PSdeG | “Querer a Galicia é respectar o Estatuto e a Constitución, non saltarse as leis”


O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, subliñou este sábado, que “querer a Galicia é tamén respectar o Estatuto de Autonomía e a Constitución, e non saltarse as leis como fai o PP”.

Así o dixo logo de coñecer, nas últimas horas, que o Tribunal Constitucional mantén suspendida parte da Lei de Saúde de Galicia tralo intento da Xunta de sobornar as súas competencias.

“Esta é a mellor proba de que o señor Feijóo desbordou o marco constitucional”, subliñou Arangüena, logo de incidir en que a lei galega de saúde “é a única en España recorrida ante o Tribunal Constitucional” e en que “parte dela está suspendida por este tribunal”.

Neste senso, o vicesecretario xeral sinalou que “xa sabemos que ao PP non lle gusta cumprir as leis”, pero “estes guiños autoritarios que o PP de Galicia fai para contentar á súa sección Vox non teñen cabida no noso estado de dereito”.

Arangüena recordou que a resolución do Tribunal Constitucional sobre a lei galega de saúde chega despois de que o PSdeG requirise en diversas ocasións “diálogo e consenso” á Xunta de Galicia co goberno de España para acordar unha modificación da norma sen ter que chegar aos tribunais.