O secretario xeral de Junts, Jordi Turull, e o número tres do PSOE, Santos Cerdán, rubricaron este pacto. Iso permitirá a investidura de Pedro Sánchez, que se celebrará a semana que vén. Cos votos de Junts e os xa confirmados de Sumar, ERC, EH Bildu e BNG, Sánchez xa conta con 173 apoios e só está á espera de pechar un pacto co PNV, que lle permita superar a maioría absoluta no Congreso dos Deputados.
O pacto alcanzado detalla que a lei de amnistía, que non leva nomes propios, debe incluír tanto aos responsables como aos cidadáns que, «antes e despois da consulta de 2014 e do referendo de 2017, foron obxecto de decisións ou procesos xudiciais vinculados a estes eventos».
A amnistía abarcará así o período comprendido entre 2012 e 2023 e incluirá casos da denominada ‘lawfare ou «judicialización da política», tal e como viñera reclamando a formación de Puigdemont, que se opuxo á que consideraban «amnistía para vips» pactada entre PSOE e ERC.
O acordo recoñece as «profundas discrepancias» entre ambas as formacións, que poñen de manifesto a «complexidade» e os «obstáculos» do «proceso» que se dispoñen a emprender.
O número tres do PSOE, Santos Cerdán, compareceu ante a prensa para destacar o «momento clave» para España e a «oportunidade histórica para resolver un conflito que só desde a política pode e debe resolverse».
Junts propón a celebración dun referendo de autodeterminación sobre o «futuro político de Cataluña», mentres que o PSOE deixa claro que defenderá o «amplo desenvolvemento» do Estatut de 2006, así como o pleno despregamento e o respecto ás institucións do autogoberno e á singularidade institucional, cultural e lingüística de Cataluña».