Publicada a contratación de máis de 300 prazas en centros de día públicos de alzhéimer


Diario Oficial de Galicia publicou a asignación en réxime de concerto social de 314 prazas en centros de atención diúrna de Alzhéimer de titularidade autonómica. Destinarase un orzamento de 18,5 millóns de euros, o que permitirá empregar por vez primeira esta modalidade de contratación que garante a estabilidade na prestación do servizo.

Estes concertos terán unha duración inicial de catro anos e poderán renovarse ata acadar un máximo de dez. En concreto, este instrumento do concerto social aplicarase nas prazas de atención diúrna ás persoas con Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas que a Xunta ten en Ferrol, Ribeira, Lugo, Viveiro, Ourense, Moaña, Pontevedra e Vigo.

De feito, este procedemento establecerá como criterio de preferencia a concertación directa coas entidades de iniciativa social que actualmente xa están a prestar o servizo mediante contrato. Trátase de garantir a estabilidade tanto para estas entidades como para as persoas usuarias destes servizos, pois esta concertación directa supón unha continuidade na prestación do servizo actual o que se traduce nunha atención de calidade e centrada no usuario.