Publicada a orde de axudas para 35 unidades de atención temperá

Temperá Ordes_Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde de axudas para a posta a disposición dos concellos galegos dun total de 35 unidades de atención temperá. A este fin o Goberno galego destinará 3 millóns de euros, o que supón un incremento do 50% respecto dos fondos reservados nestes momentos para a Rede Galega de Atención Temperá.

Este aumento do orzamento permitirá lograr dous obxectivos: por unha banda, consolidar as 27 unidades de atención temperá que xa existen e que actualmente atenden a máis de 1.300 nenos e, por outra, financiar que os concellos poñan en marcha ata oito novas unidades. Para iso, esta nova orde incrementa entre un 1,5% e un 3% os fondos que a Xunta destina a cada unha destas unidades.

Ademais destas unidades de atención temperá de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos con esta mesma finalidade en hospitais públicos e de tres unidades máis nas comarcas do Deza, O Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá coa colaboración económica da Xunta.