Publicada no DOG a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este luns no Diario Oficial de Galicia a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, na que se recollen as directrices deste instrumento fundamental para a xestión da auga en Galicia durante os vindeiros anos, e fixa como obxectivo lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado.

O Plan Hidrolóxico de Galicia, que entrou en vigor o pasado 10 de febreiro coa súa publicación  no Boletín Oficial do Estado, eríxese como unha folla de ruta con rango de lei. Foi aprobado por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, malia que non foi ata o pasado 24 de xaneiro cando foi autorizado en Consello de Ministros por parte do Goberno central.

Cómpre lembrar que a demora do Goberno central na aprobación dos plans hidrolóxicos nacionais ten derivado na apertura dun expediente de infracción a España por parte da Comisión Europea por non ter finalizado a revisión dos plans no prazo establecido pola Directiva Marco da Auga.

O novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa inclúe 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/fbiFat