Publicado no DOG o complemento para as persoas con pensións non contributivas


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as axudas sociais de carácter extraordinario en favor das persoas que reciben unha pensión non contributiva. Arredor de 37.000 galegos se benefician deste complemento autonómico, ao que a Administración autonómica destina case 8 millóns de euros.

Os perceptores deste complemento, que consiste nun pago único de 206 euros, son pensionistas de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e persoas con discapacidade que reciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos. O ingreso desta axuda realízase de oficio a todos os beneficiarios que cumpran cos requisitos, sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite adicional.

Galicia é unha das poucas comunidades que concede de xeito ininterrompido durante os últimos anos esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios Executivos autonómicos os que deciden mantela. Ademais, a Xunta incrementará o importe deste complemento un 5% o vindeiro ano, tal e como consta no proxecto de lei de orzamentos para 2023.