Puigdemont anuncia que volve a Cataluña


O expresidente da Generalitat de Cataluña, Carles Puigdemont, fuxido desde hai ano e medio da xustiza española, anunciou que pensa volver a Cataluña se consegue ser elixido eurodeputado nas eleccións europeas do próximo 26 de maio. O líder independentista, desvelou os seus plans nunha entrevista na emisora catalá RAC1, onde explicou que, segundo o seu criterio “terei inmunidade” se obtén a acta como representante do separatismo na Eurocámara. E xa non poderá ser detido por España.
JxCat anunciou esta fin de semana que Puigdemont sería o seu candidato nas próximas eleccións europeas, despois de que o expresident impuxese o seu criterio tras un longo pulso interno que ameazou mesmo, con implosionar a formación soberanista, herdeira do legado da antiga Convergència. A súa intención é levar ao Parlamento Europeo o debate sobre se debe ser considerado como deputado electo, unha vez que a Xunta Electoral Central (JEC) comunicase os resultados dos comicios. O dirixente catalán sostén que non é necesario que acuda a Madrid persoalmente a recoller a acta de eurodeputado en virtude da xurisprudencia existente, polo que “cunha firma isto poderíase solucionar”. Outra vez a famosa ‘vía telemática’. Desta forma, se o Parlamento Europeo finalmente o considera deputado electo, a sua defensa cre que gozaría da inmunidade necesaria para volver a España, á vez que “podería volver probar a investidura” como presidente da Generalitat. “Se volvo a Cataluña e hai un mecanismo para ser restituído esta será a prioridade, e foino sempre”, explicou.