Putin comunica a súa intención de recoñecer a independencia de Donetsk e Lugansk

1 minutes read

O presidente de Rusia, Vladímir Putin, comunicou este luns ao seu homólogo francés, Emmanuel Macron, e ao chanceler alemán, Olaf Scholz, a súa intención de recoñecer a independencia das autoproclamadas repúblicas separatistas de Donetsk e Lugansk, no leste de Ucraína, segundo un comunicado do Kremlin. «O presidente dixo que nun futuro próximo ten intención de asinar o respectivo decreto», di a nota oficial. O pasado día 15, a Duma ou cámara baixa do Parlamento ruso solicitoulle a Putin o recoñecemento de ambas as entidades prorrusas. Putin abordou agora o recoñecemento das entidades separatistas co Consello de Seguridade ruso, que apoiou esa decisión case por unanimidade e lembrou que este luns tamén recibira unha solicitude sobre o recoñecemento de Donetsk e Lugansk por mor dunha «agresión militar das autoridades ucraínas», con «bombardeos masivos do territorio de Donbás, polos que sofre a poboación civil». De acordo co comunicado, o presidente francés e o chanceler alemán «expresaron a súa decepción» co desenvolvemento dos acontecementos á vez que «indicaron que estaban dispostos a continuar os contactos».