Que ocorre nalgunha verbena galega? Menos de 500 persoas coa Panorama en Uxes e menos de 300 coa París de Noia na Silva

2 minutes read

Algunhas comisións de festas están que arden, ou se equivocan na xestión e promoción dos seus eventos ou na contratación dos seus artistas. Esta semana os afiches eran de primeira, polo que a segunda parte estaba cuberta, e a climatoloxía moi favorable.


Certo é que a finais de maio estamos en fin de curso, pero este sábado non había clase e este venres a parroquia cercedense da Silva tiña todo preparado para recibir un aluvión de xente no seu campo da festa. En cartel nin máis nin menos que a disco móbil CDC e a orquestra París de Noia. A maiores multitude de postos de comida rápida e atraccións de todo tipo, pero algo fallou. O público que chegou a concentrarse na praza non se acercaba ás trescentas persoas.


Entendidos na materia, (djs, representantes e artistas), coincidían en afirmar que un evento destas características hai que promocionalo con tempo nos concellos limítrofes (radio, prensa, etc), din que a cartelería é importante a nivel local e que as redes sociais non achegan moito, “público de moi lonxe non vai vir e as redes sociais achegan maioritariamente público de botellón”, cancro para as comisións de festas, cantinas e locais de hostalería da zona.


Este mércores tres parroquias de Arteixo celebraban en Uxes o inicio dun cartel de moito impacto, sendo a única festa que había na provincia, moi preto da Coruña e toda a súa área metropolitana. Unha espectacular posta en escena da orquestra Panorama atrasaba máis de media hora o inicio do espectáculo, o campo da festa estaba a menos da metade. Ao final a actuación comezaba pasadas as doce da noite e con pase único para tratar de non dispersar cun descanso a pouca xente que había, menos de 500 persoas.


As coincidencias explicativas van polo mesmo camiño, falta de promoción comarcal para o público potencial idóneo (de 25 a 60 anos) e exceso de redes sociais, que tanto che aglutinan un botellón como que non acoden porque non hai ou incomodan ao potencial idóneo. As comisións boa nota deben de ir tomando para acertar por onde tirar co público que máis lle interesa ou moitas terminarán fracasando ou morrendo no intento, unha mágoa para a verbena galega.