A Real Academia de Medicina de Galicia goza de moi boa saúde, mostra diso é que está a punto de cumprir 200 anos e continúa realizando o seu impagable labor en beneficio da sociedade galega. A entidade nada en 1827 e presidida polo Dr. Don José Carro Otero realizará o vindeiro venres 24 de xaneiro, no salón de actos da sede académica, sita na rúa Durán Loriga, 10-2º da Coruña, a Solemne sesión pública de inauguración do curso académico 2020.
Comezará coa lectura da Memoria de actividades realizadas no curso anterior (2019) polo Secretario xeral da Academia, o Ilmo. Señor Don Francisco Martelo Villar. A continuación, procederase ao discurso inaugural do curso 2020.
Seguindo a tradición, cada ano, por quenda e sempre no mes de xaneiro, un académico numerario pronuncia o discurso inaugural. Este ano contamos coa disertación dun eminente xinecólogo, o Ilmo. Sr Don Francisco Vázquez Fernández, quen nos deleitará cun discurso que leva por título “Reflexións sobre a evolución científica da Xinecoloxía”.
No marco do acto entregaranse os premios á investigación científica instituidos pola Academia. Devanditos galardóns contan co patrocinio da Fundación Pedro Barrié de la Maza e Quiroga Piñeyro (Centro Oncolóxico de Galicia). Para finalizar, co Discurso de clausura pronunciado polo presidente da rexia institución, o Excmo Sr. Don José Carro Otero, quen declarará inaugurado o curso académico 2020, en nome da S.M. O Rei.
Boa nova que a Real Academia continúe coas súas importantes actividades. Agardamos que polo menos, sexa por 200 anos máis. Co infatigable labor, que os magníficos galenos que a representan están a realizar, as vimbias están garantidas. E ademais, este ano, contase con que o bo do Dr. Don Francisco Vázquez Fernández, será o encargado de dar o discurso inaugural. Espérase con notable interese o acto.
ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO