- Unha icona como é a torre de RNE ubica no Mesón do Vento podería desaparecer, esta antena transmisora de 160 metros de alto que emitía na frecuencia de 639 kHz., construiuse en 1963 e funcionou como emisor de RNE, cunha potencia de 100 kw, ate 1991 no que foi substituida por unha antena de menor altura, pero máis potente.
Radio Nacional de España (RNE) anunciou, sorpresivamente, nunha cuña de menos de 45 segundos, o apagado das súas ondas medias, tanto as que emiten RNE (antiga Radio 1) como Radio 5 Todo Noticias, no que constitúe un auténtico bombazo informativo, pola transcendencia da medida, que requiría dunha comunicación expresa por parte da Corporación RTVE, pola súa magnitude, pero que aínda non se produciu. Juan Ramón Lucas, Pepa Fernández e David Cantero, tres das voces da actual programación de Radio Nacional de España, foron os encargados, na promoción emitida este venres no programa do prime time do propio Lucas, «As Mañás de RNE», de anunciar o apagado da onda media de RNE, no que constitúe un auténtico fito na historia recente da radiodifusión española, e en particular na da mesma RNE.
En 2013 as emisións de onda media de RNE rexistraban 176.000 oíntes. Pero na última onda do EGM a onda media de RNE sumaba só 69.000 oíntes, 58.000 deles na antiga Radio 1 e só 11.000 nas emisións de Radio 5 Todo Noticias.
Os custos elevadísimos en consumo eléctrico dalgúns dos postes con maior cobertura de RNE (ao redor de cinco ou seis situados en grandes capitais, con alcances espectaculares, sobre todo pola noite) e do resto da rede, que superan varios millóns de euros, así como o pago das correspondentes taxas radioeléctricas, en termos económicos similares, recomendan o seu apagado, máis aínda, como fixeron grandes corporacións públicas da nosa contorna, como Radio France ou a RAI italiana, cando se necesitan recursos para o despregamento da Radio Dixital Terrestre (RDT). Derivar recursos da OM á DAB é unha estratexia que non se inventou RNE, senón outras corporacións públicas que lle precederon, e traballan na actualidade con ese obxectivo.
