O expresidente do Goberno e do PP Mariano Rajoy tamén dixo que nunca houbo unha ‘operación Kitchen’ para roubarlle ao extesoureiro do PP Luís Bárcenas documentación comprometedora para o partido. Ademais restou “credibilidade” ás declaracións de Bárcenas e do excomisario xubilado José Villarejo, que sinalan que o expresidente era coñecedor de ambas as cuestións. Tamén defendeu a “inocencia” do exministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, e do que fose o seu número dous, Francisco Martínez (ambos os dous investigados).
Así se pronunciou Rajoy na Comisión Kitchen no Congreso, que investiga a presunta trama parapolicial financiada con fondos reservados do Ministerio do Interior de Jorge Fernández Díaz (o principal procesado na Audiencia Nacional por esta cuestión) na época na que era presidente do Goberno para ocultar información que puidese comprometer ao PP no caso Gürtel, que estaba a ser investigado.