Un piloto que participaba este sábado no Rally Ribeira Sacra foi excarcerado despois de que o vehículo co que competía, un Renault Clío, se saíse da vía. Os feitos ocorreron no lugar de Valdoasno e foi o propio persoal da organización do evento quen se puxo en contacto co 112 Galicia para informar do sinistro.
Na chamada, solicitaban a colaboración dos efectivos de emerxencias para poder liberar ao condutor do interior do coche, no que estaba atrapado. Desde o 112 Galicia deuse aviso aos Bombeiros de San Cibrao, ao GES de Pereiro de Aguiar, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil do concello.
Ao final, os membros do GES de Pereiro comunicáronlle ao 112 que colaboraron coa organización da proba deportiva nas tarefas de excarceración do piloto para que puidese ser atendido polo persoal sanitario. O copiloto, acompañante do condutor ferido, resultou ileso.