Volveron recuperar a súa hexemonía os Yacarcross no Campionato de Galicia de Rallymix, tras varios meses sen subir todo ao máis alto do podio. Nesta ocasión, o municipio coruñés de Touro acollía a segunda proba da tempada onde Javier Ramilo lograba unha nova vitoria co Yacarcross. O mellor tempo na segunda manga das cinco celebradas bastáballe, xunto á súa regularidade, para impoñerse por diante doutro Yacarcross, o de Daniel Remuiñán, quen con apenas experiencia nesta modalidade se facía cunha brillante segunda praza, aínda que ao seu favor hai que sinalar que os bos resultados que está a conseguir, tanto en autocross como en rallymix, veñen avalados pola súa traxectoria en Quad, onde ata agora conseguira notables actuacións.

Puido ser un podio copado completamente polos Yacarcross, pero a rotura de motor o sábado de Abel Jurado, tras ser o máis rápido na primeira manga, ou as dúas picadas do domingo de Abraham Duarte, que rodaba segundo, impediron que fose así. Con todo, a cuarta posición era para Javier M. Carracedo con outro Yacarcross, e a quen se lle quedaba acelerado na segunda manga do domingo despois de ser o máis rápido na anterior, e a quinta para Adrián Ameal, que tamén está a ser un dos destacados.
Perfecto Calviño e Rubén Santás dominaban a categoría de Turismos ao final da primeira xornada con tres pasadas realizadas, gañando a primeira delas, pero a rotura dun dos dous motores do Peugeot 208 Proto na cuarta manga facíalles perder moito tempo, tendo así mesmo que desconectalo na derradeira e completando esta con un só, coa consecuente perda de potencia e de tempo que lles afastaba dos primeiros postos. Con todo, hai que destacar a boa actuación dos equipos da Escudería Yacar Racing, con Víctor Senra-Paula Ramos finalizando segundos de Turismos cun Mitsubishi Lancer Evo X e de José Fernández-Juan Brun, que concluían terceiros na devandita categoría cun Peugeot 208 N5 e a quen se sumaba tamén Sandra García-Suso Romero, que situaban ao Peugeot 208 Proto na quinta.
