Rallymix Cuntis Vila Termal | O carballés Javier Ramilo ‘Kobas’ logra o seu cuarto título consecutivo

Cedida.

Gran fin de semana para o equipo Yacar Racing no Rallymix Cuntis Vila Termal, sexta proba do calendario do Campionato de Galicia da modalidade celebrada este sábado e domingo no municipio da provincia de Pontevedra e onde Javier Ramilo ‘Kobas’ lograba o seu cuarto título consecutivo a falta de que se dispute o próximo mes a derradeira cita da tempada en Barbadás (Ourense).

Aínda que esta vez Javier Ramilo non puido conseguir a vitoria, que era para o asturiano Abel Jurado, si conseguía os puntos suficientes grazas á súa segunda praza para volver conseguir o título da Clase A correspondente aos Car Cross, categoría que estivo copada polos Yacarcross en Cuntis pois ao triunfo de Abel Jurado, que era o máis rápido en tres das cinco pasadas ao treito mixto terra-asfalto de 12,33 km, habería que engadir a segunda posición de ‘Kobas’ e a terceira entre os monoprazas de Daniel Remuiñán, que terminaba cuarto absoluto e que ata a derradeira manga estivo a loitar pola primeira posición, pero unha picada nunha roda dianteira nada máis arrincar nesta impedíallo.

Cristóbal Serantes e Adrián Rozados completaban os cinco primeiros postos da Clase A, situando a marca Yacarcross cinco monoprazas entre os seis mellores da clasificación xeral. Ademais, os Yacarcross eran os máis numerosos, con 23 Car Cross entre os 42 que tomaban a saída, o que supón un récord na aínda curta historia dos rallymix en Galicia.

Nesta ocasión baixo a estrutura de Yacar Racing e cun Yacarcross estiveron a competir, entre outros, a zamorana Sara García, que realizou varios Dakar en moto e que se estreaba cun monopraza. Outro dos que repetía experiencia cun Yacarcross era Ramón Palou, pai do vixente campión da IndyCar Àlex Palou, así como os pilotos irlandeses Paul Nolan, Padraic McHale e William Magarry, quen loxicamente se mostraron encantados de poder participar nunha carreira con case un centenar de participantes.

En Turismos, Darío Calviño e Javier Martínez co Ferrari 360 Modena Proto terminaban moi atrasados despois dunha saída de pista o sábado, ademais de romper o cable do acelerador dun dos dous motores antes de arrincar na derradeira pasada. Tampouco Sandra García-Suso Romero lograban concluír ao romper un elemento da dirección que provocaba unha saída co Peugeot 208 Proto. Si lograban clasificarse esta vez José Fernández-‘Fredy’ Carballo, que compiten coa escuadra Yacar Racing e que co Volkswagen Polo GTI R5 de AR Vidal Racing situábanse segundos da Clase B, polo que aínda teñen opcións ao título.