A praia de Razo convértese esta fin de semana no punto de encontro do monitorado das escolas de surf adheridas ao programa “Aprende a través do surfing” en Galicia, unha das comunidades autónomas que vén participando no proxecto educativo, deportivo e medioambiental organizado pola Federación Española de Surfing e Surf and Clean.
O seminario DEAN (Defensa dos espazos acuáticos naturais), organizado pola Federación Galega de Surf en colaboración coa española e Surf and Clean, vai destinado a xerentes e direccións deportivas de escolas náuticas. Para todos eles está deseñada unha formación presencial teórica e práctica. Deste xeito, as escolas de surfing quedan habilitadas para poder impartir as actividades do proxecto “Aprende a través do surfing”.
Paralelamente, para o domingo 12, de 10.00 a 13.00 horas está programada unha actividade na escola BoaOla e na propia praia na que participará profesorado dos centros escolares adheridos ao proxecto nos concellos de Cabana, Camariñas, Carballo, Coristanco, Ferrol, A Laracha, Malpica, Miño, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño e Vimianzo.