Recepción na Casa do Concello aos pilotos carballeses de autocross


O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron agradecer e visibilizar o gran traballo desenvolvido polos pilotos locais de autocross ofrecéndolles unha recepción na Casa do Concello.

Alberto Lorenzo, que hai só dous anos deu o salto de karting a carcross, vén de proclamarse campión de España de autocross na categoría de promoción. O novo piloto de Razo competiu nun Kincar coa escudería local Máis Motor.

Da mesma escudería é Dani Castro, un habitual da categoría de +1.600, que despois de varios subcampionatos, esta tempada logrou situarse no máis alto do podio.

Outro carballés, Javier Ramilo, “Kobas”, fixo dobrete ao proclamarse campión galego de carcross e de rallymix ao volante dun Ya-Car con moi poucos días de diferencia.

E ademais dos éxitos individuais, Máis Motor proclamouse por segunda temporada consecutiva campioa galega de escuderías de autocross. E, para completar o podio, outro corredor da escudería carballesa, o larachés Álvaro Freire, é o campión galego en -1.600.

Na recepción, os tres pilotos carballeses e o presidente de Máis Motor, Juan Puga, asinaron no Libro de Honra do Concello de Carballo, e recibiron os parabéns tanto de Marcos Trigo coma de Evencio Ferrero, quen asegurou é unha satisfacción “ver que o nome de Carballo sae recoñecido” e que o Circuíto Municipal do Motor “serve para promover o deporte e para que os pilotos locais esteades implicados, competindo, dando exemplo e ademais gañando”.