O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, recibiron na Casa do Concello ao plantel sénior masculino do Club Baloncesto Calvo Artai, nun recoñecemento polo subcampionato galego de 3ª División acadado polo equipo colexial, que lle valeu o ascenso a Segunda. Acompañaron aos xogadores os seus técnicos, Alberto García e Pablo Moreira; o presidente do club, Joaquín Moreira; Teresa Mosquera, en representación do CPR Artai; Luciano Calvo, presidente do Grupo Calvo, principal patrocinador, e o vicepresidente segundo da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamarín, quen fixo entrega do trofeo e das medallas aos xogadores.
O CB Calvo Artai conseguiu o ascenso, na súa segunda temporada na categoría, logo de rematar na segunda praza do seu grupo da Delegación Coruñesa, eliminar ao Irmandiños de Ferrol na fase previa e vencer nos seis partidos da liga de ascenso a rivais, a priori de máis entidade, todos primeiros nos seus grupos de competición regular. O acto rematou coa tradicional firma no Libro de Honra do Concello.