Trátase de executar a mellora do abastecemento municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre, para o que se prevé a execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto. Destas ofertas, tres preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 24 empresas.
As obras proxectadas comprenden o treito entre Vío Alto e Morás, que darán continuidade ás obras proxectadas nun 1º treito polo Concello, en colaboración coa empresa Emalcsa.
Para facer efectivo este reforzo do abastecemento as obras prevén a construción dunha condución de máis de 5.000 metros desde o depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás.
Contará con 2 puntos de subministración directa ao sistema de abastecemento municipal, en Vilarrodís e á altura de Sabón, para garantir auga aos núcleos de poboación, aos veciños. E tamén en Sabón terá unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.
O contrato enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arteixo, de cara a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten este municipio coruñés derivadas do seu crecemento urbano e industrial.
Segundo recolle o convenio asinado, o Concello financiará as actuacións, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e a execución das obras. Unha vez realizadas, o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.