- O vindeiro sábado a cita terá lugar no Castelo de Vimianzo coa actuación de Xoán Curiel, mentres que o domingo será nas Torres do Allo coa actuación de Pablo Pérez Sanmamed.
O Festival ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza’, que botou a andar nesta edición da man da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo, afronta a súa última fin de semana con todas as prazas esgotadas apenas unhas horas despois de abrirse a última quenda de inscrición. Convén lembrar que, desde a Deputación, a iniciativa foi posta en marcha polas áreas de Cultura e de Patrimonio, que xestionan os deputados Xurxo Couto e Xosé Lois Penas respectivamente, co obxecto de dar a coñecer os recursos patrimoniais da provincia combinando as visitas guiadas con actuacións musicais.
Logo de pasar pola Igrexa de Santiago de Cereixo esta pasada fin de semana, o ciclo chegará o centro de Vimianzo o vindeiro sábado nunha xornada que inclúe unha visita ao Castelo da localidade e un concerto de Xoán Curiel. A rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez, destacou a relevancia de «poñer en valor o noso patrimonio arquitectónico da man dunha entidade como a Deputación da Coruña e a través da cultura, elemento vertebrador da nosa sociedade», argumentou.
O domingo, rematará a edición 2021 de ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galiza’ no Concello de Zas, onde está prevista unha visita ao conxunto das Torres do Allo e unha actuación a cargo de Pablo Pérez Sanmamed.